luns, 1 de decembro de 2014

Reflexión sobre o marco instrumental na orientación laboral



Neste módulo, ao longo de 6 temáticas, tratáronse os aspectos relacionados co traballo diario do/a orientación laboral no Servizo Público de Emprego de Galicia. Así, se foron desgranando contidos relacionados coa intermediación laboral e metodoloxía de traballo: modelos de orientación, principios, Itinerario personalizado de Inserción (IPI), a entrevista de orientación, prospección de emprego, técnicas e ferramentas de BAE, incluíndo o autoemprego e o emprendemento. Destas temáticas tratadas, sinalo a continuación os aspectos que me resultaron de interese neste módulo.

En relación ao marco teórico e metodolóxico da orientación laboral, o feito de existir sistemas e modelos de orientación diferentes en cada administración, así como en cada país europeo, fai que sexa difícil de definir as funcións e marco profesional do/a orientador/a. O que si se establece a través do Plan Nacional de Acción para o Emprego, é unha atención individualizada nos servizos de orientación laboral co fin de dar resposta á heteroxeneidade das persoas desempregadas. Así, a metodoloxía de traballo na orientación laboral, nesa atención individualizada, desenvólvese a través da entrevista de orientación e o deseño de itinerarios personalizados de inserción. Este apartado de atención individualizada o considero fundamental no traballo coas persoas desempregadas, e ao mesmo tempo non exento de dificultade no traballo, xa que se parte das diferentes situacións socioeconómicas, persoais e culturais da persoa usuaria á cal se busca mellorar a súa situación laboral. Esíxese polo tanto, dominar as técnicas de entrevista e das competencias necesarias para intervir coa persoa que demanda os servizos de orientación laboral.  


Por outra parte, en cada territorio hai diferenzas en relación ao mercado laboral, por exemplo entre o ámbito urbano-rural, costa-interior, polo que o/a orientador/a laboral debe coñecer as características dos sectores laborais onde se encontra. A isto súmase o amplo abanico do perfil de persoas desempregadas coas que se traballa, atendendo á idade, nivel de estudos, atendendo a problemáticas (exclusión territorial, conciliación) e colectivos moi diferentes (inmigrantes, persoas con discapacidade, minorías étnicas,...), polo que tamén esixe coñecer os recursos existentes para dar resposta ás diferentes demandas.  

No que respecta ás temética de prospección de emprego, técnicas e ferramentas de busca de emprego e autoemprego, sinálase a importancia de coñecer os perfís profesionais existentes co fin de valorar o obxectivo laboral e competencias necesarias coa persoa desempregada. Neste sentido existen diferentes recursos que nos axudan neste traballo: ofertas laborais, certificados de profesionalidade, Observatorio Ocupacional...). Nestas accións do orientador/a laboral, considero importante a fase inicial de diagnóstico co fin de valorar as capacidades e grao de autonomía na busca de emprego e, en función disto, optar por dar maior autonomía na persoa desempregada no manexo dos recursos na busca activa de emprego, ou realizar un traballo máis cercano coa persoa. A nivel de prospección de emprego, como vantaxes considero que é unha ferramenta importante para coñecer o texido empresarial e perfis demandados na inserción laboral, e sobre todo que nos axuda na inserción laboral. Como desvantaxes valoro que, na actualidade, a prospección se ve limitada polos seguintes factores: predominio de pymes, insuficiencia de recursos e dispoñibilidade para colaborar das empresas, excaseza sobre todo en pequenas empresas de cultura de RSE...  

A modo de conclusión e valoración persoal, sinalar que a labor na atención a persoas desempregadas, e debido á heteroxeneidade mencionada anteriormente, require do/a orientador/a laboral de moitos e diversos coñecementos, difíciles de abarcar nalgúns aspectos se se quere traballar de forma rigorosa e efectiva. Por iso, cada vez faise necesario estar ao tanto dos recursos que nos rodean así como o traballo en rede con outros profesionais co fin de colaborar en diferentes aspectos no traballo cunha persoa. Ademais, no traballo de orientación, tamén é importante non só traballar os recurso externos coa persoa desempregada, senón tamén potenciar os recursos propios dos que dispón a persoa (recursos persoais, familiares, no grupo de iguais..., co fin de promover un papel máis activo e cambio que se manteña no tempo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario